A edición de 2026 convértese nunha aposta pola emoción pura; un percorrido que vai dende a profundidade do Barroco e a mestría interpretativa de grandes solistas e ensembles, ata a curiosidade infinita que nos esperta o Universo. Se a paixón de Bach abrirá as portas do espírito no concerto inaugural, a forza rítmica e obsesiva de Ravel será a encargada de devolvernos á terra na clausura. O Festival Clasclás celebra a súa IX edición en Vilagarcía de Arousa do 20 ao 27 de xuño de 2026, consolidado como un referente de innovación da música clásica actual. Nove anos de traxectoria non son só unha cifra: representan a maduración dunha idea que hoxe florece nun sentimento compartido: a PAIXÓN. Baixo este lema, a edición de 2026 convida o público a descubrir a música non como un obxecto do pasado, senón como unha forza viva, transformadora e esencial.
A paixón é o motor dos compositores, dos artistas que interpretan as obras, do equipo que leva a cabo este proxecto e do público leal que escoita cada un dos concertos con verdadeiro entusiasmo e atención. E tamén é a que move este Clasclás a través dos seus cinco programas xa consolidados:
A maior novidade é, sen dúbida, a participación residente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), institución de recoñecido prestixio internacional que sitúa o Festival Clasclás nun novo horizonte de excelencia. A súa implicación como orquestra residente vai máis alá dunha colaboración puntual, vertebrando a programación desta edición a través de dous fitos monumentais que serven de apertura e clausura do festival:
A programación desta IX edición presenta un equilibrio excepcional entre grandes institucións como a Orquestra Sinfónica de Galicia, formacións de cámara de referencia e solistas internacionais que achegan unha gran frescura ao festival (como o Terra String Quartet, Bella Adamova ou o pianista Davit Khríkuli). A presenza de Noelia Rodiles, recoñecida pola súa solvencia na música contemporánea, avala unha programación que aposta polo talento de Javier Martínez Campos e o patrimonio de Fernando Buíde. Unha conxunción de excelencia que atopa o seu máximo expoñente na estrea mundial da Tango suite de Claudio Constantini, posicionando o festival na vangarda da interpretación internacional.
O Clasclás 2026 convértese así nunha viaxe por obras viscerais de altísima carga emocional: dende a intensidade dos tangos de Piazzolla e a forza da Fantasía baética de Falla, ata o lirismo de Brahms, o monográfico de Chopin a cargo de Khríkuli ou a fondura dos lieder de Strauss e Mahler que escoitaremos na voz única da mezzosoprano Bella Adámova.
Baixo esta premisa, o festival aspira a ser un espazo onde a excelencia interpretativa da OSG e o resto de artistas sirva para explorar a condición humana e a nosa relación co cosmos. Reafirmamos así a Vilagarcía como un polo de innovación cultural onde a música é o motor que, neste 2026, une ciencia, historia e compromiso social.
PROGRAMACIÓN SINFÓNICO-ARTÍSTICA E MATINÉE :: O PERCORRIDO DA PAIXÓN
Son un total de dez os concertos que compoñen esta edición: sete corresponden ao programa sinfónico-artístico, que se realizarán no serán no Auditorio Municipal e no Pazo da Golpelleira, e tres terán lugar en sesión matinée na Igrexa de Vistalegre e no Salón García.
O Clasclás evoluciona este ano incorporando como novidade na súa estrutura unha residencia artística, unha estrea absoluta e un percorrido por autores que exploran formas musicais ata o de agora inéditas no festival. Neste camiño, cómpre sinalar os seguintes aspectos fundamentais:
| COMITÉ ORGANIZADOR |
Presidente: Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa.
Vicepresidenta executiva primeira: Paola María Mochales, concelleira de Educación.
Vicepresidenta segunda: Sonia Outón Casal, concelleira de Cultura.
Dirección : Rosina Sobrido Fernández e Vladimira Smausová.
Coordinación Programa Social e Comunitario: María Galbán Zaragoza