É doutor cum laude en música pola Universidade de Aveiro. Ten un «Master of Music» da Universidade de Yale e o grao superior en música pola Eastman School of Music da Universidade de Rochester, Nova York, onde tamén obtivo un Performer’s Certificate («outorgado a estudantes que demostran habilidades performativas sobresalientes»).
Foi premiado en numerosos concursos nacionais e internacionais de guitarra clásica, incluíndo o primeiro premio no Appalachian Guitar Competition (USA) e o primeiro premio na división superior do Concurso de Guitarra de Paracho (México), entre outros. Ademais, recibiu bolsas e recoñecementos, incluídos o Premio Pedro Sarquis Merrewe, unha bolsa completa para estudos de mestrado na universidade de Yale e a bolsa de FONCA-CONACYT para estudos de doutoramento no estranxeiro.
Actuou como solista e membro de Dúo Ditirambo en Alemaña, Italia, Suíza, Holanda, Reino Unido, Portugal, España, Marrocos, Estados Unidos e México, en escenarios como o IV «Borguitar» Festival, o XXXII Festival Internacional de Música «Manuel de Falla», o XXX Festival Internacional de Guitarra Ponferrada, o II Festival Internacional de Guitarra Hospitalet de l’Infant, o XXV Festival International des Cordes Pincées de Rabat, o V Festival Internacional de Guitarra «Ciudad de Caravaca», as XXIII Xornadas de Música Contemporánea de Segovia, Yale Guitar Extravaganza 2016, UK International Guitar Series, o III Festival de Guitarra de Oliveira de Azeméis, o XVII Festival Internacional de Guitarra de Taxco, o XXXIX Festival de Guitarra de Paracho, o IX Festival Internacional de Guitarra «Ramón Noble», o XI Festival Internacional de Guitarra de Sonora, o II Festival Nuntempa de Música Contemporánea e o XXVIII Festival Cultural de Zacatecas, entre outros.
Foi solista coa Orquestra Sinfónica «Cristobal Halffter», a Orquestra Ciudad de Segovia (España), a Orquestra Filharmónica de Jalisco (México), a Cívica Filharmónica di Mendrisio (Suíza), Northwest Louisiana State University Wind Ensemble e coa American Wind Symphony Orchestra (EE.UU.); con quen tocou obras como o Concierto de Aranjuez e Fantasía para un gentilhombre de J. Rodrigo, Concierto del Sur de M. M. Ponce, Pieza de concierto para guitarra y orquesta de vientos de Enrique Santos, Concierto para guitarra y orquesta de vientos de Blas Galindo, Danzón Gran Vía de Flores Chaviano e Ethereal de Mario Gosálvez Blanco.
Gravou o concerto para guitarra de Enrique Santos no CD Music of the Americas, como solista da American Wind Symphony Orchestra. Tamén gravou Perpetuum Mobile co seu Dúo Ditirambo, CD que foi descrito pola crítica como «un gran álbum… cun resultado preciosista, elegante e brillante, cun certo aire evocador e melancólico que lle dá unha beleza inmensa…» (Histéricas Grabaciones, 2016).
Como parte de Dúo Ditirambo estrou obras de compositores e compositoras como Marisa Manchado, Leticia Armijo, Claudia Herrerías, Leonardo Coral, Mario Gosálvez Blanco, Carlos Alberto Vázquez, Fernando Buide del Real e Flores Chaviano, entre outros.
Entre os seus principais mestres de guitarra atópanse Benjamin Verdery, Nicholas Goluses e David Mozqueda. Durante a súa estancia en Rochester estudou «Prácticas Interpretativas de Música Barroca» con Paul O’Dette. Recibiu clases maxistrais de Leo Brouwer, Manuel Barrueco, Pavel Steidl, Odair Assad, Eliot Fisk, David Tenenbaum, Eduardo Fernández, Roberto Aussel, Iván Rijos, Raphaella Smits e Los Angeles Guitar Quartet, entre outros.
É profesor de guitarra de nivel superior e posgrao no Centro Superior Katarina Gurska (Madrid) e da Facultade de Música da Universidade de Ciencias e Artes de Chiapas (México). Os seus alumnos foron galardoados en varios certames nacionais de guitarra soa e música de cámara.
Actualmente vive en Segovia, España, coa súa muller e o seu fillo.
· Heitor Villa-Lobos (1887-1959) :: Cinco preludios para guitarra
· Giulio Regondi (1822-1872) :: Introdución e capricho Op. 23
· Agustín Barrios “Mangoré” (1885-1944) :: A catedral
I. Preludio
II. Andante relixioso
III. Allegro solemne
· Francisco Tárrega (1852-1909) :: Gran xota aragonesa
· Roland Dyens (1955-2016) :: Libra sonatine
I. India
II. Largo
III. Fuoco