clasclás 2025 | ´Allegro Giocoso´

O Festival Internacional de Música Clásica clasclás realizará a súa VIII edición novamente no verán de 2025. O Programa Artístico do festival comezará o sábado 21, coincidindo co Día da Música, e estenderase ata o sábado 28 de xuño de 2025, aínda que con antelación e paralelamente terán lugar actividades dos outros programas dos que consta o clasclás.

A VIII edición do clasclás está dedicada, principalmente, a render homenaxe á música española, á nosa cultura, aos nosos compositores e á nosa historia. Por vez primeira, realizaremos a estrea de varias obras, “Ventana a mi vida interior” Op. 41, estrea absoluta do compositor arousán Eligio Vila, e as estreas absolutas en tempos modernos de dúas sonatas que Eduardo López Banzo recuperou da Biblioteca da Catedral de Jaca, enmarcados no seu concerto “Mvsica Romana: Corelli e España”.

Dous Premios Nacionais de Música, Spanish Brass e Al Ayre Español, acompañarannos no Programa Artístico. Gozaremos da integral de Iberia, de Issac Albéniz, obra cume da historia do piano no noso país con Luis Fernando Pérez. A violista Isabel Villanueva visitaranos acompañada polo galardoado pianista francés François Dumont, co seu programa Fantasía no incomparable marco do Pazo dá Golpelleira, e renderemos homenaxe a Dimitri Shostakovich co Trío Hélix, ensemble gañador dos Premios Circuitos FestClásica 2025. A todos eles únese o laureado Cuarteto Bennewitz, aclamada agrupación checa cos últimos Cuartetos de Haydn e Dvořak. Unha Gala Lírica clausurará o festival, dedicada a Aberturas e Arias de Giuseppe Verdi (Nabucco, Otello, A forza do destino..) e Giacomo Puccini (A Boheme, Manon Lescaut, Turandot..) a cargo da soprano Miren Urbieta-Vega e a Orquestra GAOS baixo a dirección de Fernando Briones que inicia o programa Sinfónico do claslclás. O programa clasclás matinée tráenos tres concertos nesta ocasión. O primeiro deles a cargo de Pablo Zapico coa guitarra barroca, realizando un percorrido pola historia deste instrumento desde os seus orixes. O segundo e terceiro concerto estarán a cargo de artistas galegos, Flexible Dúo, composto por Rafael Yebra, saxofón e Oswaldo Oro, guitarra e para finalizar Fernando Raña, frauta e Alba Barreiro, arpa.

O Conservatorio Profesional e a Escola Municipal de Música volverán ás rúas, prazas e espazos emblemáticos de Vilagarcía dentro do programa clasclás a pé de rúa, e serán tamén os encargados do Programa Social e Comunitario do festival, vital para moitos de nós e que sempre xera infinitas emocións inesquecibles a todos os que del forman parte, tanto aos máis de 400 asistentes das 20 asociacións e colectivos participantes, como aos músicos que, con devoción, tocan para eles.

COMITÉ ORGANIZADOR |

Presidente: Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Vicepresidenta executiva primeira: Paola María Mochales, concelleira de Educación.

Vicepresidenta segunda: Sonia Outón Casal, concelleira de Cultura.

Dirección : Rosina Sobrido Fernández e Vladimira Smausová.

Coordinación Programa Social e Comunitario: María Galbán Zaragoza