Como Alcalde de Vilagarcía de Arousa, é para min un orgullo darvos a benvida á IX edición do Clasclás, un festival que en 2026 acada a súa madurez consolidándose como unha das citas culturais máis ambiciosas e singulares de todo o Noroeste peninsular. Baixo o lema PAIXÓN, esta edición convídanos a realizar unha viaxe emocional que percorre desde a espiritualidade máis profunda do Barroco ata a fascinación científica polas estrelas.

O Clasclás non é un festival de música clásica ao uso; é un proxecto de cidade que transforma a nosa xeografía nun “auditorio expandido”. Desde o Auditorio Municipal ata o intimismo pétreo da Igrexa de Vista Alegre, pasando pola nobreza do Pazo da Golpelleira e a memoria viva do Salón García, Vilagarcía convértese nun escenario onde o patrimonio e a arte se dan a man, fitos estratéxicos da marca VGA365

Quero destacar de xeito moi especial o privilexio que supón contar nesta edición coa residencia da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). A súa presenza é o motor que vertebra esta edición a través de dous fitos monumentais: o Gran Concerto Inaugural, onde nos mergullaremos na humanidade desgarradora da Paixón segundo san Xoán de Bach, e o Concerto de Clausura, un proxecto inmersivo sen precedentes onde a música da OSG se fundirá coa vangarda tecnolóxica e visual do astrónomo José Francisco Salgado, para conmemorar o eclipse solar de 2026. Esta aposta pola innovación demostra que o Clasclás é un festival vivo, capaz de dialogar coa ciencia e de atraer a novos públicos cara á excelencia.

Pero a excelencia do Clasclás non reside só no virtuosismo das figuras  nacionais e internacionais que nos acompañan nesta edición; a verdadeira alma do festival latexa no seu Compromiso Social, coa nosa xornada dedicada ás 19 asociacións sociosanitarias da contorna, e no seus Programas Pedagóxico e a pé de rúa, que converte o noso Conservatorio nun centro mellora continua do alumnado.

Como alcalde é unha honra convidar a veciños, visitantes e amantes da música a deixarse levar por esta PAIXÓN, a habitar as nosas rúas e a desfrutar dun festival que, partindo do corazón da nosa vila, mira con ambición cara ao infinito. O meu agradecemento máis sincero a todos os músicos, patrocinadores, institucións e, por suposto, ao equipo organizador que fai posible este milagre anual. Gozade de cada nota, de cada espazo e da paixón que percorre esta novena edición. Vilagarcía agarda por vós coa mellor das súas partituras.

Vémonos nos concertos.

 

Alberto Varela Paz Alcalde de Vilagarcía de Arousa